Tuesday 30 de April de 2024

Laxe humanizará a zona dos Kaolines cunha nova zona verde homoxeneizada coa contorna


• Desde a administración local lamentan que desde a oposición se estean vertendo acusacións infundadas, xerando confusión entre a veciñanza

O Concello de Laxe quere aclarar que os puntos relativos a sistemas xerais e dotacións son sufragados conforme ao establecido pola propia Lei do solo, tal e como indica o informe do arquitecto do Concello de Laxe.

En primeiro lugar, os costes de urbanización, a conservación e o mantemento do
Sistema Xeral ZV-5 adscrito ao sector de solo urbanizable S. UBLE.1, deberán ser asumidos polo Concello de Laxe. Con todo, o que o Concello acorda é a aprobación do Plan de Infraestruturas e Dotacións, non a execución das obras, así que o custo non tería que ser resolto nese prazo de dous anos. Ademais, o prazo comezaría a contar desde a dispoñibilidade dos terreos, non antes.

O Plan Parcial ten por obxecto unha cuestión tan importante desde o punto de vista xeral como é ordenar unha zona verde pública en beneficio da comunidade. Non se reduciría, baixo ningún concepto, a vivenda protexida, xa que o propio Plan inclúe, en memoria do acordado, o axuste da porcentaxe de vivenda ao índice anual de vivenda protexida aprobada polo IGVS, xa que, ao tratarse dun municipio con menos de 5000 habitantes, aplícaselle a media para Galicia.

Por todo isto, tal e como se indica no informe emitido o 15 de decembro de 2022, a aceptación dos puntos do acordo transaccional remitido ao Concello de Laxe pola empresa Sondeos del Norte, non afectan en absoluto ao contido do plan parcial do sector de solo urbanizable S – UBLE 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Laxe, aprobado pola Corporación no ano 2021.

Desde o Concello de Laxe lamentan que desde a oposición do pleno se estea a verter acusacións infundadas, xerando confusión entre a veciñanza e dando a entender que a Administración local cede ás presións dunha empresa externa.